O pasado 15 de setembro inaugurabamos a III edición da mostra colectiva EXPOLAB, un espazo expositivo temporal destinado tanto a afeccionados como a profesionais das artes escénicas, audiovisuais e plásticas co título Viaxe a un mundo mellor? . Tiña como obxectivo facer unha reflexión artística na que o espectador participase de forma activa en conceptos como fronteira, distancia, segundas oportunidades… aproveitando as posibilidades para performance e exposición do espazo nas súas diferentes salas. Isto supuxo un traballo colectivo previo tanto do equipo creativo de Imaxinatea como das e os artistas participantes aos que estamos especialmente agradecidos pola súa entrega e dedicación. Parécenos unha excelente ocasión o final do ano 2022 para publicar este artigo como homenaxe a elas e eles, e en xeral ás persoas que sofren a inxustiza da guerra e ás que axudan a aliviar ese sufrimento.
A xénese da exposición desenvólvese en tres etapas, a proposta de temática, a preparación da exposición con artistas e finalmente a exposición aberta ao público.
Fotografías de Oleksa Bartka
Na primeira etapa, de forma temperá xa en xaneiro de 2022, definimos que a mostra debería ser aberta a todas as propostas escénicas, audiovisuais, plásticas e fotográficas que plasmasen, postpandemia de COVID, a consecución dun mundo mellor, máis habitable e sostible. Os procesos traumáticos, desde logo a pandemia foi a nivel universal, son momentos aproveitables para analizar que aspectos son mellorables e que é aquilo imprescindible nas nosas vidas. Así o equipo creativo formulou o primeiro chamamento a artistas a principios de febreiro. Desgraciadamente a invasión de Ucraína por parte da súa veciña Rusia o 24 de febreiro sacudiu ao mundo civilizado. Parecíanos imposible que despois do sufrimento que carrexou a pandemia, e na que a maioría perdemos a seres queridos de forma inesperada, un país europeo fose vítima da barbarie dunha guerra total por cuestións territoriais. A guerra só debería estar nos libros de historia, como un mal da humanidade. Decidimos reformular a proposta expondo o interrogante dun mundo mellor? A partir dese momento as propostas que nos chegaron foron xurdindo de persoas que tiñan unha idea artística definida e unha explicación para a súa obra coherente co contido da exposición.
Mantivemos a primeira reunión con artistas a finais de agosto para abordar os aspectos organizativos principais: concreción de temática, distribución do espazo, temporalización. Comprobamos que as viaxes erán inherentes a dous artistas, nun caso como huída, viaxe non desexada, polo menos de primeira intención, e noutro caso era moi desexado, iniciático, de descubrimento do mundo, o que nos fixo reflexionar, en base a un dato obxectivo, o récord de desprazamentos rexistrado no verán do 2022, sobre a necesidade de viaxar. Esta necesidade funcionaba como nexo de unión coas outras dous artistas, unha, cuxa pintura era mostra dos efectos positivos que ten a arte no benestar interior, a modo de viaxe artística de descubrimento propio e , outra, como a procura de segundas oportunidades en lugares insospeitados como nunha papeleira industrial, contedor de residuos. A dúbida sobre a necesidade de viaxar, o para que, e o por que, foron o obxectivo final da exposición que nos fixo concretar o título da mostra en: viaxe a un mundo mellor?
Fotografía de Oleksa Bartka
PARA VER UN BREVE PERCORRIDO POR EXPOLAB 22 ENTRA AQUÍ
Unha viaxe ao interior dun mesmo, da artista plástica Daniela Soltau , con moita intuición, mostrounos a forza das artes como terapia a través das súas pinturas coloristas, abstractas, inspiradas nas vangardas de principios do século XX. Compartindo espazo luminoso coa anterior, Unha viaxe á papeleira, da deseñadora de moda e complementos Mónica Soto, ensinounos a darlle unha segunda oportunidade a obxectos, pezas obsoletos e sobrantes da industria téxtil, creando accesorios de moda únicos, belos e provocadores, que constitúen auténtica arte.
Unha viaxe aos Pireneos, do fotógrafo e creador audiovisual Andrés Conde, mostrounos as fotografías da viaxe que percorreu con amigos desde Vigo á cordilleira pirenaica, fronteira natural, que lle permitiu vivir e compartir experiencias da súa gran paixón, a fotografía, nunha contorna natural chea de belas paisaxes. Unha proxección audiovisual, de dous minutos de duración realizada en colaboración con Yuri Salgado narrounos con fotografía e música o sentido na viaxe e o proceso creativo ata chegar ás fotografías artísticas finais, que están incluídas nun fanzine que detalla e xustifica, en pleno goce, por que Andrés percorreu 2.026 quilómetros o ano pasado.
PARA VER A MOSTRA “UNHA VIAXE AOS PIRENEOS” ENTRA AQUÍ
A mostra no seu conxunto constituíu un momento único e irrepetible de conxunción de creatividade, que nos inspirou profundamente e que esperemos tamén inspire a outras persoas para realizar as súas propostas e creacións, para as que terán as portas do noso espazo creativo abertas. Nós xa estamos a traballar, viaxando, á IV edición da mostra colectiva EXPOLAB, e animámosvos a contactarnos para que nos formuleis as vosas propostas.