Unha noite de voz, memoria e presenza en Imaxinatea
O pasado 6 de marzo, en Imaxinatea Escola de Teatro vivimos unha noite moi especial coa presentación de Cartas de despedida, unha creación colectiva do alumnado da Aula de Repertorio.
Foi unha función íntima, valente e chea de verdade que quixo adiantarse á celebración do Día da Muller, nun mes no que tamén conmemoramos o Día Internacional do Teatro. Durante a función, o escenario converteuse nun espazo de encontro no que as palabras, as emocións e as experiencias persoais tomaron forma diante do público.
A proposta escénica naceu das inspiracións de cada integrante do grupo: textos, músicas e fragmentos que deixaron pegada, emocións gardadas e palabras que precisaban saír. Todo iso foi dando lugar a unha peza construída desde dentro, cunha forte carga persoal e colectiva ao mesmo tempo.
Foi, en definitiva, un espazo seguro para falar, escoitar e sentir, no que o teatro serviu unha vez máis como lugar de encontro e de expresión.
A continuación deixámosvos unha pequena selección de fotografías da noite, que recollen algúns dos momentos vividos durante a función.





