Do 9 de setembro ao 2 de outubro terá lugar o evento itinerante EXPOLAB 25 “As preguntas sen resposta, inspiración nas artes”, que organiza Imaxinatea Lab Creativo en diferentes locais de Vigo.
O obxectivo do ciclo de actuacións, que se inicia o día 9 de setembro ás 20:30 en Apostrophe Sala de Arte coa peza de creación colectiva Cumpleaños Feliz e continúa o día 11 de setembro ás 21:00 en Café Uf coa peza breve Alopecia, é dar continuidade á Mensaxe deste ano do Día Mundial do Teatro, que incide na importancia de formularse preguntas de carácter transcendente no proceso creativo, preguntas que non teñen necesariamente unha resposta definida. Por exemplo: cal é o valor e o compromiso real da amizade máis alá da celebración? ou por que nos custa aceptar o paso do tempo e os efectos no noso corpo?
Pecharemos o ciclo de actuacións o 2 de outubro ás 20:00 en Café Vitruvia cunha competición aberta de improvisación comparada, Dramaturxias improvisadas, que terá como temática principal as cuestións sen resposta e o seu efecto inspirador en cada arte (pintura, fotografía, música, danza, escultura, literatura, cinema, arquitectura, moda ou videoxogos), representadas en diferentes xéneros e subxéneros teatrais.
Para a competición formaranse equipos de 3 a 5 participantes, que se poderán inscribir no formulario que hai arriba, coa condición de que os seus membros sexan maiores de 16 anos e teñan algunha experiencia previa en improvisación ou teatro. Haberá premios en metálico para o primeiro e segundo clasificado, e de consolación para o terceiro e cuarto.
Ademais, os días 15, 16 ,18 e 19 de setembro, haberá clases gratuítas de teatro (con reserva previa en contacto@imaxinatea.es ou no formulario na web) en Imaxinatea Lab Creativo, Praza Francisco Fernández del Riego 3 (rúa traseira). Estas sesións pretenden ofrecer unha aproximación básica á arte teatral para persoas sen formación previa e, á vez, un grupo avanzado para quen queira afondar na interpretación dos diferentes xéneros e subxéneros teatrais.
O acceso será libre e gratuíto ata completar aforo.





