Saltar ao contido

Condicións de Venda e Devolución

Última actualización: 20 de outubro de 2026.

1. Quen somos

  • Titular: IMAXINERIA SL («Imaxinatea Lab Creativo»), NIF B36914372, inscrita no Rexistro Mercantil de Vigo, tomo 543, folio 7, folla 7563.
  • Domicilio social: Camiño Galindra, 32 – 36213 Vigo (Pontevedra).
  • Centro de formación: Praza Francisco Fernández del Riego, 3 (rúa traseira), local 5 C – 36203 Vigo.
  • Contacto: 986 12 00 24 · WhatsApp 685 85 20 15 · contacto@imaxinatea.es

2. Obxecto e aceptación

Estas condicións regulan a matrícula nos cursos, obradoiros e demais actividades formativas de Imaxinatea que se contratan a través de imaxinatea.es. Para matricularse cómpre ser maior de idade: a matrícula dun alumno/a menor faina a súa nai, pai ou titor/a legal, que figura como cliente.

Antes de pagar, o cliente acepta expresamente estas condicións marcando a caixa correspondente. Aplícanse as condicións vixentes o día da matrícula; podes gardalas ou imprimilas desde esta páxina. O contrato pódese formalizar en galego ou en castelán.

3. Como é a matrícula

  1. Escolle o curso e, se o ten, a modalidade de pago e o horario.
  2. Enche os datos de facturación e os do alumno/a (e do titor/a se é menor). Podes revisar e corrixir todos os datos antes de pagar.
  3. Acepta estas condicións e a política de privacidade, marca a solicitude de inicio da formación (apartado 6) e preme «Pagar e confirmar a matrícula».
  4. Recibirás un correo de confirmación co resumo da matrícula, os importes e as datas de cobro. Ese correo é a confirmación do contrato.

As prazas son limitadas. Se por calquera motivo non houbese praza no grupo escollido, ofrecerémosche outro horario ou devolverémosche integramente o pagado.

4. Prezos e formas de pago

  • Os prezos indícanse en euros, cos impostos aplicables incluídos. Cando un curso inclúe material, o seu prezo está incluído.
  • Pódese pagar con tarxeta de débito ou crédito, Bizum, Google Pay ou Apple Pay, a través da pasarela segura de Redsys. Imaxinatea non ve nin garda os datos da tarxeta.
  • Se precisas factura a nome dunha persoa ou empresa concreta, pídea en contacto@imaxinatea.es indicando o NIF.

5. Matrícula e cotas periódicas

Os cursos anuais páganse cunha matrícula (cota de alta) e cotas periódicas (mensuais, bimestrais, trimestrais ou pago único, segundo a modalidade escollida) ata completar a duración do curso que se indica na ficha e no resumo da compra. As cotas cárganse automaticamente na tarxeta utilizada na matrícula, nas datas que aparecen no resumo.

  • Se te matriculas antes de que comece o curso, ese día só se cobra a matrícula e a primeira cota cárgase o día de inicio.
  • En A miña conta podes ver os teus próximos pagos, cambiar a tarxeta e solicitar a baixa.
  • Se un cobro non se pode realizar, avisarémoste para que actualices a tarxeta; mentres tanto a subscrición queda en espera.

6. Dereito de desistimento

Como consumidor/a dispós de 14 días naturais desde o día da matrícula para desistir do contrato sen dar explicacións. Para exercelo abonda con comunicalo de forma clara por calquera destes medios:

  • correo electrónico a contacto@imaxinatea.es;
  • desde A miña conta → Subscricións → Cancelar;
  • por carta ao domicilio social indicado no apartado 1.

Podes usar o formulario de desistimento que figura ao final, aínda que non é obrigatorio. Devolverémosche todos os pagos recibidos, sen gastos, nun prazo máximo de 14 días desde que nolo comuniques, polo mesmo medio de pago que utilizaches.

Se a formación comeza dentro deses 14 días. Ao matricularte, solicitas expresamente que a formación comece na data prevista aínda que sexa dentro do prazo de desistimento. Se despois desistes nese prazo, aboarás só a parte proporcional da formación xa prestada ata que nolo comuniques. Se o servizo xa se prestou por completo, non cabe o desistimento.

Actividades de lecer con data concreta. Nos campamentos, obradoiros puntuais e outras actividades de lecer que se realizan nunha data ou período concretos non se aplica o dereito de desistimento (art. 103.l do texto refundido da Lei xeral para a defensa dos consumidores e usuarios). Nelas rexe a política de cancelación do apartado 7.

7. Baixas, cancelacións e devolucións

Cancelación dun curso por parte de Imaxinatea. Se un curso non alcanza o número mínimo de alumnado, Imaxinatea pode cancelalo avisando con polo menos 10 días de antelación ao seu inicio. Nese caso devólvese integramente o pagado polo mesmo medio de pago ou, se non fose posible, por transferencia.

Baixa do alumno/a (pasado o prazo de desistimento). A baixa solicítase por escrito en contacto@imaxinatea.es ou desde A miña conta → Subscricións → Cancelar, en calquera modalidade de pago.

  • Antes de que comece o curso: se a baixa se comunica polo menos 5 días antes do inicio, devólvese o pagado (matrícula e cotas) agás 10 € de gastos de xestión. Se se comunica despois, non se devolve a matrícula nin a cota do primeiro período.
  • Co curso xa empezado: para que non se cobre a cota seguinte, a baixa debe comunicarse antes do día 25 do mes anterior. Non se devolve a cota do período en curso.
  • Modalidades con bonificación (pago único ou subscrición bonificada): se a baixa se produce unha vez empezado o curso, da devolución que corresponda descóntase a bonificación aplicada e os gastos financeiros asociados a ela.

Cambios no curso. Por razóns organizativas Imaxinatea pode cambiar o profesorado ou axustar lixeiramente horarios e espazos, avisando con antelación. Se o cambio é importante e non che convén, podes darte de baixa e devolveráseche a parte non prestada.

8. Uso de imaxe

Na matrícula pregúntase, de forma separada e voluntaria, se se autoriza o uso de fotografías e vídeos do alumno/a na comunicación da escola. Responder «Non» non afecta á matrícula, e a autorización pódese retirar en calquera momento escribindo a contacto@imaxinatea.es.

9. Protección de datos

Os datos da matrícula trátanse para xestionar o curso, os cobros e a comunicación co alumnado, como se explica na política de privacidade.

10. Atención ao cliente e reclamacións

Para calquera dúbida, incidencia ou reclamación escribe a contacto@imaxinatea.es ou chama ao 986 12 00 24; responderemos no menor tempo posible e, como máximo, nun mes. Tes á túa disposición follas de reclamación no centro de formación. Tamén podes dirixirte á Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC) de Vigo ou ao Instituto Galego de Consumo e da Competencia.

11. Lei aplicable

Este contrato réxese pola lexislación española. Se es consumidor/a, para calquera controversia serán competentes os xulgados e tribunais do teu domicilio.

Formulario de desistimento

(Só debes cubrilo e envialo se desexas desistir do contrato.)

Á atención de IMAXINERIA SL, Camiño Galindra, 32 – 36213 Vigo · contacto@imaxinatea.es:
Pola presente comunícolle que desisto do contrato de prestación do seguinte servizo: ________________
Matriculado o (data): ________________ · Número de pedido: ________________
Nome do cliente: ________________
Domicilio do cliente: ________________
Sinatura do cliente (só se o formulario se presenta en papel) e data: ________________