OBRADOIRO DE TEATRO AUTOBIOGRÁFICO ”Impartido por Tito Asorey e Melania Cruz”

teatro autobiográfico

Impartido por Tito Asorey e Melania Cruz

MODALIDADE: Presencial.

ESPAZO DE ENCONTRO SOBRE TEATRO BIOGRÁFICO

 Se pensamos na palabra Fogar cada un de nós terá na súa cabeza un lugar diferente. Poida que algúns non pensemos nun espazo, e a outros nin sequera nos apeteza oír falar de ter un. Poida que na vertixe da vida contemporánea, este fogar vaia cambiando cada vez con máis rapidez, como cambian os nosos referentes, as nosas preferencias, os nosos costumes.

Este taller nace coa idea de crear un espazo no que conflúa o individual co colectivo, un lugar para iniciar procesos, para sementar futuros espectáculos, ou simplemente para establecer un encontro con diferentes creadores que confronten perspectivas escénicas partindo dun mesmo concepto: a reflexión sobre o fogar, sobre a raíz, sobre o que se supón que nos é propio.

Nun mundo tan cambiante como o actual, onde se pode atopar un fogar? Por cantas casas pasamos nos últimos anos? Por cantas pasaran os nosos pais á nosa idade? Pode unha casa ser un fogar? Ese concepto está máis dentro ou fóra de nós mesmos? Pode unha sala de cine ser un fogar? Unha sala de ensaios? Unha aplicación? Unha rede social? Un recordo? Unha parella é un fogar? Realmente un fogar é un lugar no que vivir sen medo? Onde radica a nosa raíz? Que estamos dispostos a facer para defender o noso fogar? E a nosa felicidade?

Partindo do material biográfico de todos os participantes trataremos de abordar esa temática desde diversas perspectivas, tan variables como individuos convivan neste espazo de encontro.

Por que Fogar #1 ?

Fogar#1 nace do desexo de Melania Cruz e Tito Asorey por seguir investigando os posibles usos de materiais biográficos en relación ao feito teatral.

 

Despois do seu contacto con diversos colectivos e profesionais vinculados ao teatro documental cos que tiveron a oportunidade de traballar (Marco Canale, Marco Layera, o colectivo Lagartijas tiradas al Sol, Falk Richter, Nir de Volff, etc) e da súa propia experiencia na creación de espectáculos vinculados á propia vivencia persoal (Resaca, de ilMaquinario Teatro), Fogar#1 é unha maneira de compartir con profesionais e amadores da escena un xeito diferente de creación, buscando a inspiracion e a fonte de creatividade na raíz de cada participante.

 

Nun mundo rexido polo cambio constante, no que ás veces semella primar a sensación de que cada vez destinamos menos tempo á reflexión e ás actividades en comunidade, quizais poida resultar enriquecedor atopar un espazo no que compartir experiencias con outras persoas coas que poidamos establecer un diálogo entorno a determinados valores e vivencias.

METODOLOXÍA

A metodoloxía será eminentemente aberta e participativa, fomentando a aprendizaxe cooperativa baseada na creatividade e no desenvolvemento do pensamento analítico e crítico, deixando así lugar para reflexionar sobre as cuestións expostas e traballadas.

 

Traballaremos a exploración do corpo e a voz como canles de expresión e comunicación, empregando tamén materiais persoais tales como fotografías, cartas, cancións, fragmentos de obras literarias, recortes de xornais ou produción de textos escritos a través dos que buscar e seleccionar elementos que poidan ser transformados en feito escénico.

 

O obradoiro está estruturado en tres fases:

  • Compilación e creación de materiais en base a unha serie de preguntas propostas polos A comunicación cos participantes nesta primeira fase será previa ao encontro persoal e físico e terá lugar vía correo electrónico.

Exploración colectiva arredor do termo “fogar”. Nesta segunda fase, a máis extensa e que ten lugar no encontro presencial cos participantes, exploraremos unha serie de dinámicas de creación individual e colectiva botando man de determinados materiais xerados na primeira fase, creando materiais novos a partir das propostas dos docentes así como de todos os participantes do obradoiro. 3 Creación de micropezas. Nesta terceira fase trataremos de dar forma a diferentes propostas escénicas individuais e/ ou colectivas a partir dos materiais creados e traballados nas dúas fases anteriores. Con este traballo pretendemos abrir novas perspectivas de creación que poidan desembocar na construción de pequenas mostras ou espectáculos sustentados en dramaturxias propias

Tito Asorey

Licenciado en Historia e Arte Dramático (especialidade de Dirección de Escena). Mestrado en Artes Escénicas.

 

Compaxina desde o ano 2000 a súa dobre faceta como actor e director de escena, tratando de establecer unha retroalimentación o máis fructífera posible entre estes dous oficios. Como actor estivo vinculado á compañía Sarabela Teatro dende o 2000 ao 2010, momento no que comeza a traballar en Ur Teatro, baixo a dirección de Helena Pimenta. A partir do 2014 centra a súa carreira como intérprete no mundo audiovisual, participando en series como Serramoura, El Final del Camino, Pazo de Familia, Viradeira e máis recientemente, Fariña.

Como director foi responsable de máis de vintecinco espectáculos realizados con todo tipo de colectivos, tanto profesionais (Teatro de Adro, ilMaquinario Teatro, Centro Dramático Galego), como de carácter máis comunitario (teatro para a xuventude, teatro con invidentes, teatro documento, experiencias pedagóxicas…). Estivo vinculado á Compañía Nacional de Teatro Clásico durante os anos 2013-2014, na que ocupou o cargo de axudante de dirección e coordinador pedagóxico. Entre os galardóns que ten recibido destacan tres Premios nacionais de Teatro “Buero” (nos anos 2007, 2008 e 2010), así como cinco Premios María Casares (Mellor Actor Secundario, Mellor Iluminador, Mellor Adaptación, Mellor dirección e Mellor Espectáculo).

 

www.titoasorey.com

 

Melania Cruz

Diplomada en Maxisterio e Titulada Superior en Arte Dramática. Mestrado en Artes Escénicas.

 

Comeza o seu contacto co mundo da interpretación da man de Marga Portomeñe e posteriormente pasa cinco anos na Aula de Teatro da USC no Campus de Lugo ata que decide especializarse en Interpretación Textual na ESAD de Galicia. Traballa en diferentes compañías de teatro (EscénaT, Teatro de Adro, CDG, Contraproducións) e cofunda xunto a catro compañeiros ilMaquinario Teatro. Dende 2008 desempeña o papel de axudante de dirección en Teatro Muxicas, colectivo pertencente ao Movemento Teatral ONCE, onde dirixe A Visita da Vella Dama en 2014. Ese ano debuta en audiovisual interpretando o papel de Raxada no filme A Esmorga, de Ignacio Vilar, con quen tamén traballa en Sicixia. Protagoniza as películas DHOGS de Andrés Goteira, e Arima de Jaione Camborda, e participa en Trote de Xacio Baño. Traballa nas series de televisión Urxencia Cero, Serramoura, Fontealba e Viradeira, e protagoniza o telefilme Contou Rosalía. En 2016 recibe o premio María Casares a Mellor Actriz Protagonista por Xardín Suspenso, e no 2018 o Mestre Mateo a Mellor Actriz Protagonista por DHOGS.

 

www.melaniacruz.net

 

 

COMPARTIR É VIVIR!

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin

CURSOS RELACIONADOS

CURSO ONLINE

OBRADOIRO PRE-GRAVADO: “O CADERNO DA DRAMATURGA, A ORIXE DAS ESPECIES LÁZARO”

O caderno da dramaturga: a orixe das Especies Lázaro é un espazo de encontro e reflexión con Vanesa Sotelo, autora e directora do espectáculo Espécies Lázaro, que a compañía portuguesa Teatro Art’ Imagem presenta o 8 de xullo no marco da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. De carácter virtual, a sesión ofrece a oportunidade de descubrir as claves que inspiraron o proxecto e de profundar na súa estrutura, así como a posibilidade de coñecer as diferentes etapas da súa escritura co obxectivo de analizar de forma conxunta tanto o seu contido como o proceso creativo das persoas participantes.

Ler Máis >>
CURSO ONLINE

OBRADOIRO PRE-GRAVADO: DRAMATURGAS PANTASMA POR FERNANDO EPELDE

Dramaturgas Pantasma de Fernando Epelde, entra no universo dos “Escritores pantasma” . Ao longo da sesión, o polifacético dramaturgo, director, actor e músico, desandará o camiño que lle levou a completar dúas dramaturxias contemporáneas opostas, pero que comparten unha xestación de encarga, na que resultaba necesario responder a requirimentos moi específicos. OTHELLO, dirixida por Marta Pazos.

Ler Máis >>
CURSO PRESENCIAL

BONO REGALA ILUSIÓN

Queremos que fagas felices aos teus seres queridos regalándolles arte, humanidade e acción.

A túa tarxeta personalizada de felicitación, que podes enviar a persoa que ti nos digas!!

Podes elixir o curso que queiras, polo importe que decidas. A que esperas!!

DATE PRESA E NON QUEDES SEN A TARXETA!!

Ler Máis >>

E quizá pódeche interesar

CURSO ONLINE

CURSO DE CÓMIC PARA NENOS E NENAS EN LIÑA

Este curso está especialmente deseñado para que os máis pequenos tamén poidan introducirse neste mundo máxico, desfrutalo, usar a súa imaxinación e á vez, aprender a desenvolver as súas aptitudes artísticas. E aínda máis importante: non necesitan saber debuxar, só é necesario ter ganas de divertirse.

Ler Máis >>
CURSO PRESENCIAL

PINTURA E DEBUXO PARA ADULTOS E MOZOS

Un taller que persegue espertar a creatividade a través de exemplos artísticos do mundo actual, motivando a reinterpretación persoal e descubrindo novas estratexias de comunicación. Pintura, escultura, modelado e gravado, introducen a expresión pictórica e espacial como parte das competencias básicas da aprendizaxe.

Ler Máis >>

Gracias por tu interés

Te responderemos a la mayor brevedad.

Y solo usaremos tus datos para atender a tu solicitud de información, pero si te interesan nuestras actividades y quieres mantener el contacto, puedes suscribirte al boletín.

Hasta pronto!